Pontevedra baila ao compás dunha muiñeira
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Día da Muiñeira é unha celebración clásica xa na cidade de Pontevedra onde se pretende amosar un aspecto tan importante da cultura tradicional, como o é o folclore, a toda a cidadanía, a través do baile máis representativo, a Muiñeira.
Organizada polo grupo Duos Pontes, esta é unha actividade de grande colorido onde as rúas da zona monumental se enchen de nenos e mozos ataviados con traxes rexionais que desfilan ata a avenida de Montero Rios, onde desenrolan a demostración do baile en grupos, segundo as súas idades.
A Agrupación Folclórica Abiñadoira de Sanxenxo foi o grupo especial convidado que actuou, ao remate das demostracións dos participantes como fin de festa desta celebración da Boa Vila.
Ademais do baile e da música, a outra actividade estrela que organizan polo Día da Muiñeira é a Palillada na Rúa, que amosa a todos os cidadáns e paseantes o arte do encaixe de bolillos feito polos alumnos do taller de encaixe de Duos Pontes. Foi o pasado sábado na Praza da Peregrina amenizada polos gaiteiros de Duos Pontes, pandereteiras Lina e Lola e o grupo de baile Trébede de Cangas. E de 16.30 a 20.30 horas houbo un obradoiro de enfiado de aderezos na Casa da Luz coa profesora Ana Mato.
Desde hai varios anos tamén organizan un pequeno ciclo de conferencias sobre temas da cultura tradicional de Galicia. Celebráronse durante estes días e con eles se pretendeu achegar diversos contidos relacionados coa música, o baile, a indumentaria ou mesmo a narración oral ao público en xeral, da man de coñecidos estudosos neste campo.