Xulgan seis persoas que traían droga de Valencia e almacenábana en Sanxenxo
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana a seis persoas acusadas de dedicarse á venda en Galicia e o Norte de Portugal de heroína que previamente traían desde Valencia e gardaban e adulteraban nunha vivenda de Sanxenxo.
O xuízo celebrarase na Sección Segunda da Audiencia entre o martes 5 e o xoves 7 de xuño e para os acusados o fiscal pide que penas que suman entre todos 60 anos de cárcere por delitos contra a saúde pública, falsidade en documento oficial e tenencia ilícita de armas.
O fiscal recolle no seu escrito de acusación que como consecuencia do labor investigador do Equipo contra o Crime Organizado da Garda Civil en Galicia (ECO Galicia) tívose coñecemento de que os investigados J.M.G. e A.H., este último con pasaporte albanés, pero en situación de estancia regular en España, dedicábanse desde facía tempo á venda de cocaína e, especialmente, heroína na zona de Galicia e Norte de Portugal.
Para o desenvolvemento da súa actividade de narcotráfico os investigados adquirían importantes partidas de droga de persoas non identificadas asentadas en Valencia, que posteriormente gardaban e adulteraban nunha vivenda que para tal efecto tiñan alugada en Sanxexo. Posteriormente, e utilizando diversos vehículos preparados para o efecto para o transporte de droga, distribuían a substancia estupefaciente entre os seus clientes portugueses e galegos.
Os investigadores concluíron que o día 23 de decembro de 2015 os investigados recibiron dos seus provedores en Valencia unha partida duns 10 quilos aproximadamente de heroína que, como noutras ocasións, almacenaron no piso de Sanxenxo. Inmediatamente despois da recepción, procederon a distribuír parte da substancia entre os seus principais clientes.
De feito, ese mesmo día, o investigado A.H. desprazouse á localidade coruñesa de Narón e entregou uns tres quilos de heroína a cambio dun prezo de 91.500 euros, ao investigado J. C.S.,. Esta substancia estaba destinada á súa posterior venda, en menor escala, entre os consumidores finais do produto.
Ese mesmo día, o investigado J.M.G. desprazouse ao domicilio dos tamén investigados D. C. F. e C. C.M. para facerlles entrega dunha cantidade indeterminada de droga que estes investigados ían destinar á súa posterior venda entre os consumidores finais do produto.
Ao día seguinte, 24 de decembro de 2015, o investigado A.H., viaxou a bordo do vehículo Volkswagen Polo a Portugal, onde fixo entrega de dous paquetes que contiñan 1.385,99 gramos de heroína reducida a pureza (valorados no mercado ilícito na cantidade de 102.192,04 euros) a un tal FJ.S.M., colaborador de VM.S.C., verdadeiro cliente dos investigados. Recibiu en pago da devandita cantidade de droga a cantidade de 58.000 euros. O procedemento non se segue contra estes dous últimos, ao ser procesados polas autoridades xudiciais portuguesas como consecuencia destes mesmos feitos.
O día 26 de decembro de 2015, os investigados J.M.G. e A.H., desprazáronse a bordo do vehículo Volkswagen Golf, propiedade de J.M.G. ata a cidade de Valencia, coa finalidade de realizar o pago da heroína recibida tres días atrás. Para iso, concertaron unha cita nas inmediacións do hotel Meliá desa cidade co investigado E.L., nacido en Albania, en situación de residencia irregular en España. Como representante dos vendedores da droga, ía encargar de recibir a cantidade debida, sendo detidos todos eles pola Garda Civil no momento en que se ía a realizar o pago.
Relacionadas:
-
Retiran a acusación contra unha das seis persoas procesadas por unha rede galego-albanesa de narcos
Por Redacción |
-
Un albanés confesa que dirixía desde Pontevedra unha rede internacional de narcotráfico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un albanés confesa que dirixía desde Pontevedra unha rede internacional de narcotráfico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |