As empresas interesadas en instalarse na Central de Transportes de Ponte Caldelas buscan alternativas
Por Redacción
O Pleno do Concello de Ponte Caldelas aprobou este xoves unha moción de urxencia pola que volve instar á Xunta de Galicia a aprobar o regulamento urbanístico que permita dar licenzas municipais no solo industrial da Central de Transportes, acabando así cunha paralización que dura xa 20 meses "sen motivo algún".
A moción saíu adiante cos votos do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), mentres que o PP pasou de anunciar o seu voto en contra a absterse na votación final. O pasado mes de xullo de 2017 o PP votou en contra dun texto moi semellante, alegando que o regulamento sería aprobado pola Xunta en "pouco tempo". Desta volta, case un ano despois e admitindo que descoñece os motivos da parálise, comprometeuse a facer "xestións coa Xunta".
O alcalde, Andrés Díaz, xustificou a urxencia da moción alegando que a media ducia de empresas interesadas dende hai tempo en instalarse na Central de Transportes están comezando a buscar alternativas. Unha delas está a piques de instalarse no polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas, pero outra está a negociar a compra dunha parcela no polígono de Barro-Meis. "Non entendemos os motivos polos que a Xunta de Galicia quere fomentar a fuga de empresas e a perda de postos de traballo en Ponte Caldelas, parécenos algo inaudito", remachou. Os portavoces de AVP e o BNG coincidiron na súa incredulidade e na necesidade de "dar un tirón de orellas".
A Central de Transportes, cos seus 86.963 metros cadrados, é hoxe un terreo abandonado, onde só se instalou unha gasolineira low-cost. Aínda que este espazo industrial está cedido ao Concello está rexido polo Plan Sectorial do polígono da Reigosa, polo que as licenzas municipais deben suxeitarse as súas estipulacións deste ordenamento urbanístico autonómico. Foi configurada como seis grandes parcelas que non atoparon saída no mercado. Así, en 2007 deuse licenza para a subparcelación, pero nunca se chegou a desenvolver coa aprobación dun regulamento para establecer a normativa aplicable en materia de aliñacións de fachadas, distancias a lindeiros, fondo edificable, muros de peche, etcétera, parámetros imprescindibles para a tramitación e concesión de licenzas municipais aos empresarios interesados en instalarse.
Diante desta situación, o Concello de Ponte Caldelas tomou a iniciativa e redactou unha proposta técnica de regulamento urbanístico que entregou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a súa aprobación formal en novembro de 2016. Por mor da falta de resposta, en xullo de 2017, o Pleno aprobou unha moción para lembrarlle á Xunta a súa tardanza en aprobar o regulamento. O acordo reiterouse este xoves.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz advirte á Xunta da "inutilidade" das rebaixas para as parcelas da Central de Transportes
Por Redacción |
-
Andrés Díaz pide a Núñez Feijóo un "Plan Concellos" para repartir o financiamento municipal
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas aprobará en marzo a novo rueiro do polígono da Reigosa
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas denuncia 15 meses de bloqueo da Xunta na Central de Transportes da Reigosa
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas denuncia que a Xunta segue a bloquear a Central de Transportes
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas esixe á Xunta que desbloquee a situación da Central de Transportes
Por Redacción |
-
Piden á Xunta a división das cinco grandes parcelas da Central de Transportes da Reigosa
Por Redacción |
-
A Xunta rebaixa un 20% os prezos da central de transportes da Reigosa
Por Redacción |