Pontenciencia ou como lograr a conclusión unánime "a ciencia mola"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Gústavos a ciencia? Si, a ciencia mola". A resposta dérona a un tempo e sen dubidalo Erika e Hugo, dous alumnos de 11 anos de sexto curso de primaria do colexio público de Ponte Sampaio, pero ben podería vir de calquera dos escolares dos nove centros educativos de Primaria de Pontevedra que desde a mañá deste venres participan na quinta edición de Pontenciencia, a feira da miniciencia na que os alumnos teñen oportunidade de expoñer os proxectos científicos e de investigación que desenvolveron durante o curso académico, coñecer os realizados polo resto de participantes e participar en toda unha serie de actividades divulgativas e didácticas.
Erika e Hugo participan xa por segundo ano consecutivo e o seu colexio presenta dúas investigacións "moi divertidas". Unha está centrada na segunda vida dos paraugas, na que realizaron experimentos para acabar demostrando que ""dependendo de que varillas utilices, os paraugas poden voar ou non". A segunda céntrase en ‘Os irmáns Nodal, heroes da navegación’ e permitiulles profundar na historia dos irmáns pontevedreses García de Nodal, que o 27 de setembro de 1618 partían de Lisboa comandando unha expedición co obxectivo de explorar o estreito de Le Maire.
A feira permitía na mañá deste venres unha infinidade de posibilidades para penetrarse en materias especialmente centradas nas ciencias naturais e sociais e, sobre todo, poñía en relevo o interese dos escolares pontevedreses por atopar respostas a preguntas da súa día a día. Un exemplo son as investigacións do colexio Marcón, de temáticas tan variadas como aplicables á vida diaria: obtención de tinguiduras naturais e estampaxe de teas, Mosaicos e obxectos decorativos con tinguiduras e materiais naturais, conservación dos alimentos e a alimentación das mulleres embarazadas.
Aitana e Anxo, de 12 anos, foron dous dos alumnos de Marcón que realizaron a investigación centrada nas mulleres. Foi, segundo explicaron, unha idea da súa compañeira Huda que deseguido os enganchou e, ademais, permitiulles comprobar que partiran dunha hipótese errónea. "A nosa hipótese era que as mulleres embarazadas comian máis, pero era falso", conclúe Anxo. Para chegar a tal conclusión, empezaron por encuestar ás súas nais e familiares, con ata 89 entrevistas realizadas, pero as conclusións leváronlles a seguir investigando.
"Gustoume facelo, pero ou máis divertido foi explicalo", concluíu Aitana, un extremo no que coincide o seu compañeiro Anxo e que é xeneralizado entre quen este venres acudiron á facultade de Enxeñería Forestal de Pontevedra para participar na cita coa ciencia. Pola tarde, e por primeiro ano nos cinco que leva Ponteenciencia, tamén expuxeron os seus proxectos os alumnos de centros de secundaria.
"Investigando. Tomando datos. Comprobando". Así resume a caseta o colexio CPR Sagrado Corazón de Praceres a experiencia. No seu caso, as investigacións expostas céntranse na temperatura da auga e a flotabilidade dos peixes e a alumnos como Carlos e Claudia, de quinto de primaria, permitíronlles gozar durante meses dun traballo de campo que lles levaba practicamente a diario á praia para recoller mostras ou facer experimentos.
Para eles resultou "unha experiencia inolvidade", resume Carlos, "porque non sempre podes facer experimentos", engade Claudia. Demostran estas conclusións uno dos aspectos nos que máis insiste a concelleira de Educación de Pontevedra, Carmen Fouces, que este tipo de proxectos é "a forma máis eficiente de educar".
A edil destacou, ademais, durante unha visita ás casetas, que grazas á colaboración da comunidade educativa, "está sendo unha festa, a festa científica, a festa do coñecemento, do querer saber, querer aprender, respostar a todos os porques da vida".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén visitou as casetas e profundou en que "estimular a imaxinación e a innovación e facerse preguntas sobre por que ocorren cousas é unha forma de mellorar a educación e de estimular a creatividade nos nenos e nenas". Considera que é " unha actividade espléndida que eu creo que hai que potenciala a facerlle moito caso porque, ademáis, iso vai xerando mesmo capacidade de emprendemento dos propios nenos non futuro".
A lista de colexios participantes complétase con San Benito de Lérez, Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, San José, Príncipe Felipe, Sacro Corazón e Vilaverde.
Relacionadas:
-
Os mellores proxectos científicos de Secundaria e FP poderán verse en Forestais a finais de maio
Por Almu Dapena |
-
Cinco científicas galegas de renome reivindicarán en Pontevedra un papel destacado da muller na ciencia
Por Redacción |
-
Pontenciencia abre a porta aos alumnos de Secundaria
Por Alejandro Espiño |
-
Doce centros de ensino levarán ás súas investigacións ao campus en Pontenciencia 2018
Por Redacción |
-
Dez escolares de Ponte Sampaio investigan o descubrimento do Illote Pontevedra no Pacífico
Por Redacción |
-
Os científicos do mañá participan na feira final de Pontenciencia
Por Redacción |
-
As Mulleres Faro da ciencia gañan protagonismo na terceira edición de Pontenciencia
Por Natalia Puga |