A inestabilidade meteorolóxica permanecerá ata a chegada do vento de nordés o vindeiro xoves
Por Redacción
Este venres, inicio de xuño, está prevista unha situación intermedia entre as altas e as baixas presións nas Rías Baixas deixando unha xornada de ceos anubrados durante a mañá con apertura de claros ao longo da tarde coa posibilidade de chuvascos illados. As temperaturas mínimas rexistrarán un lixeiro descenso e as máximas un ascenso leve, para situarse entre os 13 e os 21 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente oeste, segundo as previsións do Servizo de Meteogalicia.
A situación manterase con ceos con intervalos nubrados durante o sábado 2, con aperturas de claros de maneira progresiva. As temperaturas experimentarán un ascenso, establecéndose en 13 graos as mínimas mentres que as máximas alcanzarán os 24 graos.
O domingo localizarase unha pequena borrasca no Atlántico provocando inestabilidade. Os ceos presentaranse moi grises durante a mañá, coa posibilidade de choivas no litoral. Durante a tarde comezarán a abrirse claros. As temperaturas sufrirán un descenso oscilando entre os 11 e os 18 graos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste.
Eses ventos do oeste manteranse ata o mércores e as xornadas manteranse con nubes baixas con alta probabilidade de choivas leves. Será a partir do xoves 7 cando entren os ventos do nordeste. Grazas á súa presenza baixarán as probabilidades de choivas e as temperaturas incrementaranse para situarse entre os 12 e os 24 graos.