A escola municipal de música da Marín cumpre 30 anos
Por Redacción
A escola municipal de música da Marín cumple 30 anos. A concelleira de cultura do Concello de Marín, María José de Pazo, achegouse a esta escola para facer entrega do novo material e transmitiulle a intención do goberno local de mellorar as súas instalacións e dar máis difusión do seu traballo.
O vindeiro 22 de xuño, na Finca de Briz, terá lugar o festival fin de curso.
A escola municipal de música de Marín iniciou a súa andaina no ano 1988, sendo daquela filial do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra. No ano 1994, como consecuencia do novo plan de estudos, pasa a denominarse: Escola Municipal de Música Mestre Landín Pazos.
Nun principio as clases eran na Biblioteca pública de Marín. Noutra etapa estaba situada no lugar de Cantoarena e na actualidade o local está situado no Parque dos Sentidos, na Granxa de Briz.
Todo o profesorado está en posesión de máxima titulación musical (nivel superior), para poder impartir as materias ofertadas polo centro.
O número de alumnos varía dun ano a outro, entre setenta e oitenta rapaces. Nestes últimos anos chegouse ata un pico de cento cinco alumnos, matriculados nun mesmo curso.
Rematados tódolos cursos, o alumno recibe o diploma da escola. Obtendo uns coñecementos a nivel elemental (afeccionado), se o alumno decide seguir coa carreira de música, tan só ten que facer a proba de acceso nun conservatorio de grao medio. Se supera esta proba, que é igual para tódolos alumnos de conservatorios ou escolas de música, accede ao grao profesional.
No tempo que leva funcionando a escola municipal, acceden a estas probas unha media de dous alumnos por curso.
Na actualidade estase en proceso de ampliar os estudos ofertados, e incorporar outras materias, como música de cámara, conxunto instrumental, informática musical e música moderna, tamén en caso de que o alumno o desexe seguir con estudos a nivel profesional no propio centro, se non se opta por facer o acceso a conservatorio, así como a formación dun coro propio e estable da escola municipal de música.