Sanxenxo, á caza do turismo chino
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo puxo os seus ollos en China para promocionar no país asiático o municipio como destino turístico. Ata alí desprazouse o tenente de alcalde, Gonzalo Pita, que participa estes días na International Mayor's Forum on Turism 2018.
A cidade de Zhengzhou, capital da provincia de Henan, acolle este fórum no que España participa como líder mundial no sector do turismo.
En total, son 20 os alcaldes de Europa que viaxaron a China. Gonzalo Pita, segundo explican desde o goberno municipal, mantivo diferentes reunións con operadores turísticos e empresarios para a promoción do destino, expoñendo todos os recursos e posibilidades que ten a comarca do Salnés.
Un destes encontros foi co viceministro de Cultura e Turismo de China, Li Jinzao, co que quixo destacar a importancia das relacións institucionais de cara o fomento do turismo.
Ademais, destacou que a celebración deste fórum "é unha boa oportunidade para aprender estratexias de éxito para o desenvolvemento do turismo, que nos axuden a enfrontarnos a desafíos e oportunidades de cara o futuro".