A Zona Monumental vístese de festa durante todo o mes de xuño
Unha gran festa fin de curso será, un ano máis, o gran atractivo do programa Xuño Monumental, que poñen en marcha os comerciantes do centro histórico de Pontevedra para dinamizar a actividade económica neste ámbito urbano antes de que cheguen as tradicionais rebaixas de verán.
Cinco prazas do centro histórico acollerán esta festa o próximo 22 de xuño, entre as 16.30 e as 20.30 horas, segundo adiantou este mércores o presidente do Centro Comercial Zona Monumental, Miguel Lago.
Así, na rúa Serra haberá unha pista americana e un circuíto de karts, na praza de Curros Enríquez celebrarase un obradoiro de grafiti e un rocódromo, en Valentín García Escudero haberá un obradoiro de repostería creativa e na praza de Méndez Núñez haberá un obradoiro con mesas de luz e espellos.
A Pedreira acollerá, como é habitual, a gran festa da escuma a partir das sete da tarde. Miguel Lago animou a que os pequenos acudan vestidos "como si fuesen a la playa" para esta actividade, unha das máis concorridas do programa.
Xuño Monumental comezará, en todo caso, xa este sábado 2 de xuño na praza de Méndez Núñez con dous obradoiros, un de maquillaxe de fantasía, tatuaxes de purpurina e globoflexia e outro o habitual "Hoxe mercamos nós", que se integran no programa Troula Inclán.
Ademais, o venres 8 de xuño en Curros Enríquez (17.30 a 19.30 horas) haberá xogos musicais, coreografías e un obradoiro de zumba; e na praza da Verdura (18.00 a 19.30 horas) terá lugar un obradoiro de bonecos de papel.
O 16 de xuño, a praza da Verdura repetirá como escenario para un taller de manualidades para facer carteiras e chapas (11.30 a 13.30 horas) e a rúa Serra acollerá o obradoiro "Hoxe mercamos nós" (12.00 a 13.30 horas).
As actividades de Xuño Monumental concluirán o 29 de xuño cunha tarde de xogos con paracaídas, actividades predeportivas e xogos de relevos na rúa Serra (17.30 a 19.30 horas), e unha nova edición do obradoiro de bonecos de papel en Curros Enríquez, entre as 18.00 e as 19.30 horas.
Todas as iniciativas incluídas no programa Xuño Monumental serán gratuítas.