O goberno local prepara unha actuación urbanística na rúa Oliva
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra ten en carteira unha actuación urbanística na rúa Oliva, segundo desvelou este martes a concelleira Anabel Gulías tras informar de dúas intervencións privadas "moi potentes" nesta rúa.
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou a licenza para a apertura do supermercado de Gadis nun baixo desta rúa que antes ocupara a tenda de roupa Los Telares.
Segundo informou a concelleira de urbanismo, Anabel Gulías, esta "apertura inminente" do supermercado é unha "moi boa noticia" que se suma á rehabilitación nesta mesma rúa doutro inmoble.
Anabel Gulías avanzou que o edificio que antes acollía á tenda de AutoRadio recibiu a autorización de Cultura para acometer a súa reforma. A estrutura deste inmoble está protexida polo que os promotores da reforma deberán ser especialmente respectuosos na intervención.
O visto e prace de Cultura "axiliza os trámites" para a concesión de licenza.