A Garda Civil investiga un veciño de Poio que abandonou unha camada de cans nun contedor de lixo
Por Redacción
A Garda Civil investiga penalmente un veciño de Poio como presunto autor dun delito de malos tratos animais. O Seprona acúsao da morte de tres dos cinco cachorros que abandonou nun contedor de lixo.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, ás dez e media da noite do pasado día 8 deste mes recibiuse unha alerta a través do teléfono 062, informando da aparición de varios cachorros no interior dun contedor de lixos na zona urbana do municipio de Poio.
Os compoñentes da patrulla do Seprona de Pontevedra que se desprazaron ao lugar puideron observar como á beira dos contedores de lixo atopábase unha cadela de raza pequena que mostraba evidentes síntomas de excitación e nerviosismo. Ao seu lado, no contedor, estaban as súas cinco crías vivas, recentemente nadas, no interior dunha bolsa de plástico.
A primeira reacción dos axentes foi sacar aos cachorros da bolsa e poñelos á beira da súa nai que de inmediato lles dispensou toda clase de atencións e coidados, procurándolles calor e alimentación.
Finalmente, os cachorros e a súa nai foron recollidos polos servizos de Protección Civil do Concello de Poio que os entregou na Asociación Amigos da Canceira de Poio cuios responsables informaron de que, a pesar dos coidados recibidos polos servizos veterinarios do centro, faleceran tres cachorros. O resto das crías e a súa nai xa se atopan actualmente nunha casa de acollida.
A pesar das dificultades para identificar o propietario dos animais, xa que a cadela carecía do preceptivo chip de identificación, finalmente puido ser localizado na mesma rúa onde foron abandonados e se lle investiga penalmente como presunto autor dun delito de malos tratos animais.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Seprona investigou 151 delitos contra o medio ambiente na provincia durante o 2017
Por Redacción |
-
Un encontro profesional reunirá a máis de 300 veterinarios no Recinto Feiral
-
Lanzan catro gatiños polo portelo dun coche en Lourido
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan a aparición de tres cabalos mortos en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Ardeu unha nave destinada á cría de polos en Porráns
Por Redacción |