Aleksandar, o irmán de Drazen Petrovic, pasa por Pontevedra percorrendo o Camiño Portugués a Santiago
Por Redacción
Aleksandar Aza Petrovic, actual seleccionador de baloncesto de Brasil e irmán do desaparecido Drazen Petrovic, unha estrela do baloncesto europeo dos anos 80, pasaba durante as últimas horas por Pontevedra como peregrino ilustre dentro da iniciativa O Camiño Acaba en Obradoiro.
O que tamén foi xogador da Cibona de Zagreb percorre durante estes días o Camiño Portugués a Santiago, dentro desta proposta que busca potenciar a ruta peregrina.
Durante o seu paso por Pontevedra, Aza Petrovic fíxose unha fotografía ante a capela da Peregrina co presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, e cos ex xogadores de baloncesto, Raúl Pérez e Benito Dobrado, aos que o croata dirixiu durante a súa etapa como adestrador no Cajasol de Sevilla. Curiosamente, á mesma hora, outro importante xogador do baloncesto dos anos oitenta, Fernando Romay, atopábase tamén en Pontevedra nun acto na Casa da Luz.
Durante esta xornada de martes, Petrovic continuaba a ruta cara Caldas. Nesta ocasión, seguiu o camiño acompañado polo adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández, charlando de baloncesto.