O Concello acondiciona o lavadoiro de Coveliño
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de restaurar o lavadoiro e fonte do lugar de Coveliño, acabando así con anos de abandono deste elemento tradicional.
Os traballos consistiron nunha limpeza en profundidade, reparación das partes e elementos singulares e un pintado final.
O lavadoiro de Coveliño ten a peculiaridade de que se sitúa xusto no centro deste núcleo de poboación caldelán, polo que é un elemento moi visible e significativo. Por este motivo, a veciñanza solicitou o seu arranxo ao goberno local para acabar coa mala imaxe que ofrecía.
Ademais, outra das súas peculiaridades é que a fonte conta cunha billa en forma de ra, que tamén foi reparada e embelecida.