Almorzos saudables no día da nutrición
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou esta xornada o Día Mundial da Nutrición cunha iniciativa que se levou a cabo nos centros hospitalarios e en varios centros de saúde.
A través da instalación dunha mesa informativa sobre hábitos saudables, técnicos e técnicas de dietética achegaron información e recomendacións a pacientes e usuarios sobre unha dieta sa e equilibrada.
Así mesmo, grazas á colaboración de Froiz, nos hospitais Montecelo, Provincial e do Salnés e nos centros de saúde de A Parda, Virxe Peregrina e San Roque de Vilagarcía, se agasallou a profesionais, pacientes e usuarios cunha peza de froita, a escoller entre plátano ou mazá, para concienciar sobre a importancia que ten o consumo de froitas e verduras como factor preventivo de moitas patoloxías.
O Hospital do Salnés recibiu tamén a cen escolares de 5 e 6 anos do CEIP Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa, que participaron nun almorzo saudable.