Meniños atendeu o pasado ano a 85 nenos en risco de exclusión social
Por Alejandro Espiño
A Fundación Meniños continuará encargándose da xestión do programa de atención a familias con menores do Concello de Pontevedra. Farao durante o próximos catro anos por 368.320 euros. No novo contrato recóllese unha posible prórroga dun ano máis.
Durante 2017, este programa atendeu a 85 menores en risco de exclusión social, 50 nenos e 35 nenas procedentes dun total de 56 familias.
Son menores, segundo lembrou o portavoz do goberno municipal, que reciben esta atención tras ser derivados polos servizos sociais do Concello, dos colexios da cidade, do equipo técnico de menores ou do propio sistema xudicial.
Meniños atende a nenos en situación de risco ou desamparo cun equipo profesional especializado na intervención familiar, formado por tres traballadores: un educador social, un traballador social e un psicólogo.
O obxectivo deste programa é intervir en familias con menores que estean en risco de exclusión social e incide de forma "substancial" no colectivo "que o pasa peor" nestes casos. Trátase de familias "desestructuradas" que presentan, explicou Raimundo González, "altos índices de desprotección".
Ademais, Meniños tamén atende o servizo de prevención en materia de absentismo escolar, para lograr que estes nenos se integren sen problemas no sistema educativo.