Aberto o prazo para solicitar a autorización de montaxe de fogueiras en San Xoán
Por Redacción
Ata o luns 18 de xuño ás 13.00 horas, aquelas persoas interesadas en montar unha fogueira durante a noite de San Xoán poderán presentar a súa solicitude no rexistro xeral do Concello de Pontevedra.
Os interesados deberán presentar os seus datos persoais e comprometerse a dispoñer dun teléfono móbil en funcionamento, ademais deberán garantir que as fogueiras permanecerán a un mínimo de 15 metros de edificios ou de árbores.
A fogueira terá un diámetro máximo de zona de combustión de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. Os asistentes á festa non poderán situarse nunha área de diámetro similar ao pau central da fogueira.
Os únicos materiais que se poderán empregar serán leña, ramas, troncos de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Pero estará prohibido o uso de pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC e produtos como aerosois, aceites ou líquidos combustibles, ademais de calquera substancia explosiva. Se prohibe tamén a montaxe de fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.
Ademais, tampouco se poderán realizar cacharelas sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes. Os organizadores deberán someterse ás instrucións que determinen os axentes dos corpos da Policía Local ou os Bombeiros.