Preto de 3.000 pontevedreses sobreviven grazas aos servizos sociais municipais
Por Alejandro Espiño
"O panorama é desolador". ÿ o diagnóstico que fai a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, das necesidades sociais da poboación pontevedresa. Coincidindo coa celebración do Día Mundial para a Erradicación da Pobreza, explicou que durante os nove primeiros meses de 2012, preto de 3.000 persoas solicitaron algún tipo de axuda aos servizos sociais municipais, máis que durante todo o ano pasado.
En concreto, son 2.796 pontevedreses os que reciben asistencia municipal de forma directa fronte aos 2.355 de 2011. E como recoñece Carmen Fouces, queda o último trimestre deste ano "que vai ser durísimo e dispararase a demanda". Alerta que, se non se frea esta tendencia, haberá problemas coas prestaciones sociais, especialmente desde que "as persoas coa súa exigua pensión teñan que pagar por necesidades e servizos básicos".
A todos eles, hai que sumar os usuarios que reciben atención por parte de asociacións e entidades sen ánimo de lucro, "que non se poden cuantificar, porque moitos deles reciben diferentes tipos de axuda en varias delas". Estas organizacións ofrecen a familias con escasos recursos ou persoas en risco de exclusión social, desde alimentación básica, aloxamento ou roupa ata axudas á formación e inserción laboral.
Entre as que manteñen unha estreita colaboración co Concello, a edil nacionalista destacou a entidades como Cáritas, Calor y Café, o albergue de San Javier, o comedor de San Francisco, o Club de Leones, Rexurdir, Proyecto Hombre o a Fundación Meniños. A todos eles, chegan cada vez máis familias en busca de apoio. Igual que ao Concello, que no que vai de ano atenderon xa a 73 familias que solicitaron axudas de urxencia.
En concreto, Carmen Fouces explicou que en 2011, o goberno municipal destinou unha partida de 86.000 euros que cubría 18 meses, "e deu para axudar a todos os que o solicitaron"; mentres que para os 12 meses deste 2012, incrementouse esta achega ata os 102.000 euros, "e vai a quedar moi xusto".
Na parte positiva, a concelleira de Benestar Social destacou o bo funcionamento que, nos nove meses que leva funcionando a Rede de Axuda, obtivo esta iniciativa. A través dela, as entidades sen ánimo de lucro reclaman a colaboración cidadá para, mediante donacións, satisfacer necesidades básicas dos seus usuarios.
Con todos estes datos, Carmen Fouces asegurou que "o día da pobreza morreu e pasa a ser os 365 días para o 80 por cento da poboación", ao cifrar no 20% restante a aqueles que "atesouran os grandes recursos económicos".