A Xunta obriga a Fenosa a resolver as caídas de tensión eléctrica no campo de fútbol de Berdón
Por Redacción
Os problemas da mala calidade do subministro eléctrico no campo de fútbol de Berdón subsanaranse nos vindeiros meses e as obras correrán a cargo de Unión Fenosa Distribución. Así o ven de confirmar á Consellería de Industria que esta semana comunicou a resolución da reclamación que o Concello presentara no mes de febreiro polo deficiente servizo que se estaba a recibir na instalación deportiva dende tempo atrás. Industria dálle a razón ao Concello e Fenosa terá que executar e asumir o custe das obras necesarias para garantir que a potencia contratada chega realmente ás instalacións e non se producen as caídas de tensión que se viñan rexistrando de forma continuada co conseguinte prexuízo para os usuarios das instalacións deportivas.
Os problemas polo deficiente subministro eléctrico no campo de Berdón veñen de atrás. Tras as inspeccións realizadas polos servizos técnicos municipais, advertiuse que a causa era totalmente allea ás instalacións públicas. A situación púxose en coñecemento de Fenosa en numerosas ocasións, negando a compañía calquera tipo de responsabilidade ao respecto. Foi por esta razón, que a Xunta Local de Goberno acordou o pasado 15 de febreiro presentar unha reclamación ante a Consellería de Industria, que é o órgano competente en materia de enerxía eléctrica en Galicia. A raíz da investigación aberta pola Consellería, Fenosa informa que, efectivamente, "non se cumpren os valores de tensión regulamentarios, polo que van a proceder a realizar unha obra de media tensión para garantir o subministro na zona do reclamante".
Segundo consta na resolución, no prazo de tres meses, Fenosa terá que presentar ante Industria o proxecto de actuación que garanta a calidade óptima do subministro eléctrico, e procederá a súa execución dentro do prazo que a Consellería estableza en vista das características dos traballos a realizar. No mes seguinte ao remate das obras, Fenosa deberá presentar en Industria os resultados das medicións que acrediten que a subministración eléctrica se realiza dentro dos límites regulamentarios.
A resolución foi acollida con satisfacción polo goberno local por poñer fin de forma satisfactoria e sen ningún custe para o Concello a unha situación que viñan denunciando dende hai tempo e, sobre todo, porque os usuarios da instalación deportiva poderán facer uso dela nas condicións óptimas de iluminación, algo especialmente necesario en inverno, debido ás escasas horas de luz existentes.