Xulgan unha organización á que incautaron 53 quilos de heroína e para a que piden 78 anos de cárcere
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou a partir do próximo martes o xuízo contra unha organización que se dedicaba á introdución de droga en Galicia procedente do leste Europa. Os acusados enfróntanse a penas elevadas de prisión e a multas millonarias.
Sentarán no banco dos acusados os albaneses Rinush G. e Sokol R., e os galegos Castor Manuel G.G., veciño de Mos con antecedentes por narcotráfico e ao que a Fiscalía describe como "o home da organización en Pontevedra"; a súa esposa e "man dereita" María del Carmen C.D.; e dous homes aos que se acusa de ocupar "o último chanzo" do grupo e que son José R. R., veciño de Vigo xa sentenciado tamén por tráfico de drogas; e Marcos Antonio G. B., de Ribadumia.
Aínda falta un procesado Nikolin J.A., considerado xefe da trama albanesa, que se atopa declarado rebelde na presente causa. Segundo a Fiscalía, todos eles, xunto a outras persoas que non resultaron identificadas pola investigación, formaban parte dunha organización criminal que tiña como finalidade última e exclusiva a introdución en España e posterior venda entre os consumidores, de substancias estupefacientes, concretamente heroína.
Para este labor contaban con diversos medios especialmente complexos e específicos para o tráfico de droga, así como cunha estruturación xerarquizada e cunha precisa repartición de funcións ou labores, todo iso encamiñado ao fin último da súa actividade estable e continuada de narcotráfico.
A investigación na súa contra culminou co comiso en 2016 dun Porsche Cayenne cargado con 53 quilos de heroína que no mercado ilitico alcanzaría un valor de 2,5 millóns de euros.
Castor Manuel tamén será xulgado por branqueo de capitais xa que a Fiscalía considera que investiron na casa que teñen na súa localidade e en comprar vehículos. Este acusado enfróntase a unha pena de 17 anos e para a súa muller piden 15 anos de cárcere.
Para o suposto transportista da droga, Rinush, o fiscal solicita que se lle impoña unha pena de 18 anos de prisión por narcotráfico e falsidade xa que se lle incautou documentación con identidades falsas.
A Fiscalía reclama unha condena de 11 anos para cada un dos outros tres acusados: o albanés Sokol e os galegos José e Marcos Antonio.
Con respecto ás multas, a que demanda para a maioría de procesados é de 7,5 millóns de euros, elevando a cantidade no caso da parella a 9,5.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra condena un matrimonio por tráfico de heroína e branqueo de capitais
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía, sobre a rede de tráfico de heroína: "Castor se dedica única y exclusivamente al tráfico de drogas"
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |
-
Unha rede xulgada por tráfico de heroína nega toda relación coa droga e escúdase tras a compravenda de coches
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |