O xuíz Vázquez Taín abarrota o Pazo Emilia Pardo Bazán onde deu consellos para mellorar a comunicación nas familias
Por Redacción
En mangas de camisa e con tirantes, o mediático xuíz José Antonio Vázquez Taín, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, ofrecía unha interesante charla este venres abarrotando de público as 300 butacas do Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán.
Vázquez Taín explicou o seu punto de vista sobre as prácticas para mellorar a comunicación familiar. Esta conferencia enmárcase nas xornadas de formación para familias que se desenvolve en Sanxenxo baixo o título " Mellora da comunicación cos nosos fillos e fillas: pautas de detección e resolución de conflitos no ámbito familiar". Estas xornadas atópanse organizadas polo Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, o Concello, as ANPAs e os centros de ensino do municipio.
A proposta busca que os pais e nais obteñan instrumentos que faciliten a comunicación entre os integrantes da familia. As xornadas continuarán o vindeiro venres 1 de xuño con obradoiros de formación.