Tino Fernández: "Está claro que o barrio de Campolongo necesita moita máis atención"
Por Redacción
O estado actual do barrio de Campolongo leva ao PSOE de Pontevedra a asegurar que "necesita máis ca unha operación de maquillaxe" e que "hai que actuar a fondo nel para incorporalo de verdade ao modelo de cidade".
O voceiro do grupo municipal socialista, Tino Fernández; a secretaria xeral do partido, Maica Larriba, e outros membros da executiva local socialista visitaron o barrio acompañados de representantes da asociación de veciños, que lles amosaron a realidade do barrio e a necesidade de actuar sobre algunhas beirarrúas para evitar que sexan invadidas polo coches, en especial a situada no entronque entre as rúas Leiras Pulpeiro e San Pedro Alcántara.
O PSOE asegura que outra das cuestións máis rechamantes detectadas durante a visita é o estado dos contedores de lixo, pois "a maioría están en mal estado e algúns botan un cheiro pestilente" en pleno centro da cidade de Pontevedra.
Os socialistas tambén critican que o parque da Constitución necesita un novo parque de xogos, pero "hai outros problemas que solucionar" e, ademais, cren que se debería aproveitar a obra para solucionar o problema de encharcamento nas entradas do parque, que "literalmente impide o acceso en días de chuvia", xa que se converte nunha auténtica lameira.
Outro dos temas abordados foi a reposición dos bancos do paseo sobre o río dos Gafos, pois consideran que os que hai son certamente incómodos e hai que plantexarse renovalos e poñer uns bancos mais ergonómicos.
A visita tamén lles serviu para comprobar a necesidade de darlle unha solución ao chamado 'parque da seta' para incorporalo ao parque da Constitución mellorando a seguridade peonil de moitos nenos, así como o estado de abandono das parcelas que lindan co río dos Gafos, pois "é unha imaxe impropia" e "dá verdadeiro noxo".
Ao remate da visita, Tino Fernández anunciou que trasladará o estado do barrio ao goberno local e levarao ao pleno da corporación, pois "está claro que este barrio necesita moita máis atención".