Reparan as filtracións que socavaban o subsolo da avenida de Galicia
Por Redacción
Unha obra que o Concello de Ponte Caldelas está a executar na avenida de Galicia evitou o afundimento dunha das súas beirarrúas. Os operarios municipais atopáronse, ao abrir o terreo, cun profundo oco causado polas filtracións das obsoletas redes de augas.
O goberno local decidiu acometer a obra tralas queixas recibidas por parte de varios veciños e especialmente dalgúns comerciantes que estaban a ter humidades e entrada de auga nos sotos e locais.
O tubo de saneamento estaba roto por varios puntos e resultaba insuficiente, polo que se renovou completamente con outro de maior sección. En canto á rede de pluviais, aínda que menos preocupante, estaba servida por un pequeno tubo de uralita, que xa non realizaba función algunha.
A escavación necesaria para substituír a rede de pluviais e especialmente a de saneamento, situada a metro e medio de profundidade, serviu para descubrir a existencia do baleiro e o risco inminente. Toda a beirarrúa, cunha lonxitude de algo máis de 100 metros, quedou agora perfectamente compactada e con servizos garantidos para moitos anos.
As obras, que rematarán nun prazo aproximado de dúas semanas, serviron tamén para repoñer tamén a rede de alumeado público, dado que os cables presentaban tamén puntos de rotura do illante.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras e destacou a sorte de ter actuado antes de que se producira un sinistro nunha beirarrúa que está apegada a varios edificios e a unha liña de aparcamento moi utilizada. "Había un problema imposible de detectar e menos mal que nos avisou xente de que había filtracións, porque podiamos ternos atopado cunha desgraza", subliñou.
Ao tempo aproveitou para pedir á veciñanza desculpas polas molestias que ocasionan estas obras, tanto polo ruído como pola emisión de po, pero reclamou comprensión, pois tratábase dunha obra moi necesaria e urxente, unha vez detectado o problema.