Detectan estafas a pontevedreses que pretendían comprar cans ou guacamaios por Internet
Por Redacción
A Comisaría Provincial de Pontevedra recibiu nos últimos tempos varias denuncias de cidadáns que foron vítimas de estafas á hora de comprar por Internet. Á vista de que periodicamente se detectan este tipo de delitos, desde a Policía Nacional han decidido facer públicos unha serie de consellos para que non se desista de comprar usando a Rede, pero se faga con todas as precaucións.
Segundo informou a Policía Nacional, entre as denuncias presentadas na Comisaría as máis frecuentes foron de vítimas estafadas ao comprar en páxinas web obxectos de tipo electrónico, sobre todo, teléfonos móbiles, pero tamén hai casos de cidadáns aos que saíron mal compras e adopcións de animais, tanto domésticos como exóticos. Hai casos de cans ou dalgunhas especies máis exóticas como os guacamaios.
Desde a Comisaría queren trasladar aos cidadáns unha mensaxe de tranquilidade no uso da internet, simplemente queren trasladar que é necesario "ter un pouco de coidado" e "o sentido común de non facilitarlle a ninguén información persoal de ningún tipo", así como tomar a precaución de asegurarse da fiabilidade de certas páxinas e comprobar os comentarios a favor ou en contra dese beneficiario por se xa cometese estafas anteriores.
Respecto diso, sosteñen que utilizar a banca electrónica, realizar compras en liña, mesmo en comercios doutros países, e facer trámites coa administración é seguro se se seguen unhas simples recomendacións e se aplica o sentido común.
Así, recomendan non ofrecer datos persoais ou bancarios por Internet, a menos que sexa en sitios de total confianza, asegurándose de que a dirección da web correspóndese coa real e que esta comeza por https (que non falte esa 's' ao final).
Ademais, aconséllase comprobar os certificados para non ser vítima de phising e lémbrase que un banco nunca pide datos sensibles ou confidenciais por correo electrónico.
Outros consellos pasan por evitar o uso de equipos públicos (cibercafés, estacións ou aeroportos) para realizar transaccións comerciais, pechar a sesión cando se acabe para evitar suplantacións, configurar o navegador para que poida realizar calquera transacción económica de forma segura e sospeitar de ofertas demasiado boas cuxo prezo é exageradamente barato e por baixo do seu valor real no mercado, sobre todo se están mal redactadas ou teñen faltas de ortografía.