A Festa da Troita remata o seu periplo polo rural de Ponte Caldelas con máis de 1.500 racións consumidas
Por Oskar Viéitez
A Festa da Troita de Ponte Caldelas remata este venres a súa viaxe por todas as parroquias do rural para afrontar esta fin de semana as súas xornadas centrais na Alameda.
Despois de 25 paradas noutros tantos lugares do territorio caldelán, a viaxe chega á súa fin coa parada na Casa do Pobo de Regodobargo. Ao acto confirmou a súa asistencia a presidenta da Deputación, Carmela Silva, cumprindo así a promesa que fixo ao alcalde, Andrés Díaz, e á veciñanza hai tan só uns meses con motivo da inauguración da Casa do Pobo deste núcleo.
O balanzo do periplo polo rural é moi positivo, pois consumíronse máis de 1.500 racións de troita. Son cifras relevantes, porque son equivalentes ao consumo durante a fin de semana na Alameda. Ao remate deste mes, os asistentes á Festa da Troita de Ponte Caldelas terán consumido bastantes máis de 3.000 racións de produto.
En canto á Festa da Troita desta fin de semana en Ponte Caldelas, a caseta de degustación abrirá ás 19.00 horas o sábado e ás 12.00 e ás 18.30 horas o domingo. Na xornada de sábado celébrase o concurso de pesca durante toda a mañá. Ao longo da tarde hai actuacións musicais e de baile e a xornada remata coa verbena a partir das 23.00 horas capitaneada pola orquestra Miramar.
O domingo celébrase a entrega de premios do concurso de pesca nas súas diferentes categorías a partir das 13.00 horas, seguida do concerto da Banda de Música de Meaño. Ás 18.30 horas ten lugar o festival folclórico, co grupo Os Coribantes e o coro tradicional Abeleiras de Alxán (Soutomaior).