A Feira de Cuspedriños adhírese ao colectivo de mercados artesanais Emrede
Por Redacción
Os comerciantes interesados en contar con algún dos 50 postos de venda que se instalarán na duodécima edición da Feira de Cuspedriños, que se celebrará o próximo 3 de xuño, deberán contactar Emrede, un colectivo de mercados artesanais, ecolóxicos e de proximidade ao que se vén de adherir este evento.
Desde a entidade detallan que todos os que asistiran á edición de 2017 e estean interesados en repetir teñen garantido un espazo nesta cita.
O resto dos que queiran ocupar os antigos pendellos, a carballeira e a contorna deste lugar de San Xurxo de Sacos deberán solicitalo a este colectivo, especialista na xestión de ecomercados e de recuperación de antigas feiras como espazo lúdico e de encontro da veciñanza
O Concello, mentres tanto, xa ten practicamente pechados todos os detalles desta feira. Máis aló dos postos de alimentación, roupa, trebellos ou artesanía, vai manter o mesmo formato exitoso de edicións anteriores co obxectivo de consolidar os arredor de 4.000 asistentes que se rexistraron nos últimos dous anos.
Así, haberá cantigas e coplas de cego, afiador, fotógrafo, titiriteiros, gaiteiros e espectáculos musicais e de animación para todos os públicos coa habitual estética de mediados do século pasado.
Por este motivo, e dado que un dos principais obxectivos da Feira de Cuspedriños pasa por recrear os antigos e potentes mercados desta zona celebrados hai sesenta anos como homenaxe e ollada ao pasado e á historia do municipio, convídase a todos os asistentes a vestirse de época para a ocasión co obxectivo de favorecer a ambientación.