Sanxenxo recoloca os contedores do municipio
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo estudou detidamente a localización dos distintos contedores de residuos urbanos e reciclaxe das vilas de Sanxenxo e Portonovo e chegou á conclusión de que se pode mellorar a súa distribución, reagrupando contedores, creando novas illas e potenciando as que xa existen.
Segundo explicaron "trátase, por unha banda, de concentrar en illas os catro tipos de contedores de maneira que os veciños e visitantes non teñan que desprazarse a distintos puntos segundo o tipo de residuo e, ademais, a nova distribución permite dar unha imaxe máis ordenada e limpa das vilas".
Na zona do mercadillo, contorna dos campos de futbol de Baltar, que se celebran os luns e xoves, créanse illas de reciclaxe para a recollida de envases lixeiros e papel.
Un caso especial é a eliminación do contedor soterrado da Praza dos Barcos, á entrada do porto deportivo de Sanxenxo porque "dá moi mala imaxe por estar situado nunha zona de tránsito".
O goberno xa falado cos distintos locais concluíndo que a mellor solución para mellorar a imaxe desta zona é que depositen os residuos no gran container do porto deportivo.
No porto deportivo o goberno tamén ten a intención de poñer orde nas numerosas casetas que hai para a venda de tickets para excursións en barco ou outras actividades náuticas. Para iso vaise a instalar unha caseta máis grande, que ofreza unha imaxe máis acorde cunha zona tan emblemática, e na que cada unha das empresas terá o seu propio portelo.