Detido o xerente dunha empresa do Morrazo por acoso sexual a unha empregada menor de idade
Por Redacción
A Garda Civil detivo o xerente dunha empresa na comarca do Morrazo pola presunta comisión dun delito de acoso sexual a unha empregada de 17 anos.
Con ocasión destas actuacións, tanto o xerente como o administrador da empresa foron detidos tamén por outro delito contra os dereitos dos traballadores.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as investigacións realizadas polo equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas iniciáronse por mor da denuncia presentada pola nai da menor que, acompañada da súa filla, denunciou que a moza estaba a sufrir unha serie de episodios de acosos sexuais por parte do xerente da empresa onde se atopaba traballando.
Por mor desta denuncia na que, ademais de evidenciarse as actitudes e comportamentos lascivos do xerente cara á moza, que deron lugar á súa detención por un suposto delito de acoso sexual no ámbito laboral, realizouse unha inspección laboral na empresa.
Como resultado desta inspección, que levou a cabo co apoio e a colaboración da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra en Vigo, detectáronse graves irregularidades xa que todos os empregados, excepto un que é familiar do administrador, estaban a traballar sen contrato, sen dar de alta na Seguridade Social e cuns soldos moi inferiores ao salario mínimo interprofesional.
En base aos resultados da inspección, na que tamén se detectaron importantes carencias nas medidas de seguridade e hixiene no traballo, e sen prexuízo dos expedientes que se poidan incoar por vía administrativa, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil procedeu á detención, tanto do administrador como do xerente da empresa, por un presunto delito contra os dereitos dos traballadores.
Unha vez fóronlles notificadas as detencións, ambos quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan citados. As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Cangas.