A BRILAT expón o seu material na Alameda polo día das Forzas Armadas
Por Oskar Viéitez
Este sábado 26 de maio, con motivo do Día das Forzas Armadas, a Brigada Galicia VII (BRILAT) do Exército de Terra protagonizará unha exposición de materiais e vehículos na Alameda de Pontevedra, desde as 11:00 ata 20:00 horas.
O ano pasado a cidadanía puido ver os vehículos BMR de combate de zapadores, os vehículos VAMTAC de Alta Mobilidade Táctica de fabricación galega ou lanzamisiles terra-aire, rifles de precisión, metralladoras, minas terrestres, traxes especiais para desactivación de explosivos, drons ou mesmo probar os visores nocturnos nunha tenda de campaña que estaba totalmente ás escuras. Unha experiencia que os máis pequenos gozaron a tope.
Segundo informaron este mércores en rolda de prensa o xeneral xefe da BRILAT, Antonio Romero Losada, e o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Coronel Ángel de Miguel Campos, os actos previstos con motivo da celebración do Día das Forzas Armadas 2018 empezarán ás 12:00 horas co "Izado Solemne da Bandeira" nos Xardíns de Vicenti, situados en fronte a fachada principal do edificio da Subdelegación de Defensa en Pontevedra.
Ao acto, que será presidido polo xeneral xefe da Brilat, asistirán diversas autoridades civís e militares, entre elas a subdelegada do Goberno, Ana María Ortiz Álvarez.
Durante o mesmo, unha sección dará as honras e a banda de guerra da Brigada Galicia VII interpretará o himno nacional. Á finalización, as autoridades realizarán un percorrido pola exposición de medios e material que a propia Brilat ofrecerá para todo o público na Alameda.