Un novo mestrado no campus de Pontevedra busca potenciar a investigación e innovación en educación infantil e primaria
Por Oskar Viéitez
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu este martes a presentación dun novo mestrado interuniversitario que no curso 2018/2019 comezará a impartirse no campus de Pontevedra.
Este mestrado proporcionará aos titulados nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, así como a profesionais da docencia, a posibilidade dunha especialización en investigación e innovación en didácticas específicas.
Contará con 20 prazas e contribuirá a facilitar o acceso ao doutoramento e as posibilidades de mellora de emprego dos titulados nestes eidos, como sinalou a coordinadora da titulación na Universidade de Vigo, María Álvarez Lires.
Segundo o calendario aprobado pola universidade, abrirá a súa preinscrición o 22 de xuño.
Integrado por 60 créditos ETCS de formación presencial, esta nova titulación articúlase, como explicou o secretario da Comisión Académica, Uxío Pérez nun primeiro cuadrimestre de materias obrigatorias, entre as que destacan, como engadiu Lires, "novidades interesantes" como aquelas que se centran no traballo por proxectos, "que era unha demanda do colectivo estudantil".
Tamén haberá as que abordan "experiencias interdisciplinarias" que engloban ás áreas de música, linguas estranxeiras e didáctica das ciencias experimentais.
A metodoloxía de investigación o ou uso das TIC no ensino forman parte tamén do grupo de contidos obrigatorios desta titulación, que suma tamén unha materia sobre o ensino en linguas estranxeiras de materias curriculares específicas.
A partires de aí, o mestrado complétase no segundo cuadrimestre cunha serie de materias optativas, cuxa oferta varía nas tres universidades, e que abarcan, explicou Pérez, "cinco grandes áreas curriculares, a didáctica das ciencias experimentais, a didáctica da expresión musical, a didáctica da expresión artística, outra de aspectos de linguas tanto estranxeiras como iniciais e outra de educación física e expresión corporal", con dúas materias centradas en cada un destes bloques.
Completa a formación un período de prácticas que, segundo explicou a responsable desta área na nova titulación, Antonia Blanco, "van ser diferentes e de maior profundidade que as do grao".