Cerdedo-Cotobade promove cursos gratuítos para favorecer a inserción laboral
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai promover ao longo do presente exercicio diversas accións formativas gratuítas co dobre obxectivo de mellorar a empregabilidade de traballadores e persoas desocupadas e de favorecer a inserción laboral.
Este proxecto foi abordado este martes polo presidente municipal, Jorge Cubela, nunha xuntanza mantida no consistorio co presidente da Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia, José Ramón Caldas.
A planificación do goberno local pasa por organizar alomenos tres ou catro cursos gratuítos orientados a diversos sectores ao longo do presente ano para axudar na súa formación, na mellora das súas perspectivas profesionais e na consecución duns índices aínda máis elevados no acceso ao mercado laboral.
Este plan formativo servirá ademais para complementar outras moitas iniciativas que o Concello desenvolve ao longo do ano en relación co emprego, a xeración de riqueza ou a dinamización da economía local.
Entre estas inicitivas municipais atópanse as axudas directas a pemes e autónomos, os diversos plans de emprego impulsados polo Concello para a contratación de persoal ou a adopción de rebaixas fiscais, entre as que destaca a pioneira supresión do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) aprobada o pasado ano.