Buscan en Marín persoas e familias dispostas a convivir con adolescentes que cumpren medidas xudiciais
Por Redacción
Aquelas persoas ou familias de Marín que queiran convivir cun adolescente que estea obrigado a cumprir unha medida xudicial teñen a oportunidade de apuntarse ao programa CONVIVE.COMigo, que se desenvolve a través da asociación Arela e a Xunta de Galicia.
Búscanse persoas cunha alta sensibilidade que queira facer unha aposta temporal por un adolescente que se atope nunha situación de dificultade.
A técnica da Asociación Arela, Eva Piñeiro, reuníase coa concelleira de Medio Ambiente e Benestar, Marián Sanmartín García, e a Educadora Familiar, Mónica Pena Lage, para presentar o programa CONVIVE.COMigo en Marín.
A idea é que se permita a estes mozos ir modificando as circunstancias que motivaron a medida xudicial e evitar que reincidan nos mesmos comportamentos e feitos, para despois regresar coa súa familia de orixe.
Para formar parte deste programa é necesario ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade e ademais valorarase a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición para ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, ou formación de carácter xurídica.
Arela ofrece un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o adolescente con el. A través do teléfono 986.21.25.37 e do correo electrónico convive@arela.org pódese solicitar máis información.