Absolven dous ex directivos de Factoría Naval xulgados por fraude de subvencións
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra absolveu aos ex directivos do desaparecido estaleiro de Marín Factoría Naval Ramiro Pablo C.V. e Óscar Avelino I.D. xulgados por unha presunta fraude de subvencións que cometerían ao xustificar unha axuda do Ministerio de Industria con traballos que non eran subvencionables.
Tras a celebración do xuízo o pasado mes de decembro, o maxistrado Miguel Aramburu ditou unha sentenza absolutoria na que considera que non poden atribuírlle os delitos dos que lles acusaban a Fiscalía e a Avogacía do Estado: falsidade en documento mercantil en concurso con fraude de subvencións. Enfrontábanse a tres anos de prisión e unha multa de máis de dous millóns de euros.
Os dous ex directivos eran durante os anos 2008 e 2009 nos que se produciron os feitos xulgados conselleiro delegado e director xeral técnico da extinta empresa naval e as acusacións sostiñan que falsearon as facturas anteriores para presentalas coa solicitude de subvención e obter a mesma, achegando gastos por traballos executados nun buque sísmico ou en mercantes en lugar dos megayates que subvencionaban as axudas públicas.
O maxistrado conclúe que, en base ás probas testificales e documentais achegadas durante o xuízo, as facturas non reflicten traballos non realizados tal e como sosteñen as acusacións, senón que "son verdadeiras" e "recollen traballos realmente realizados e traballos innovadores" cuxa finalidade última era desenvolver as habilidades para poder aplicalos na construción de megayates.
A sentenza dá "singular importancia" a unha proba testifical en concreto, a da persoa que fixo de intermediario entre o Ministerio de Industria e Factoría Naval de Marín para a obtención da subvención. Do seu testemuño deriva, "sen ningunha dúbida" para o xuíz, que a inclusión dos traballos citados na subvención realizouse a suxestión do propio Ministerio de Industria.
Segundo sostén esta testemuña, non se crearon unhas facturas ad hoc sobre traballos non realizados como manteñen o fiscal e a Avogacía do Estado, senón que, para obter a subvención, modificáronse as facturas para recoller que se abonase un novo proceso dentro da construción dun buque que sería aplicable no futuro para a construción de megayates.
"Debe concluírse que as facturas non son falsas, senón que se corresponden con traballos innovadores aplicables á construción de megayates e subvencionables por tanto", recolle o fallo xudicial. O maxistrado profunda en que non son documentos simulados, senón auténticos que se corresponden a tarefas realmente realizadas e que tiñan un contido innovador.
Sobre o delito de falsidade de documental mercantil, sostén que os documentos cuxa legalidade se pon en cuestión "non son simulados son auténticos, o que leva a concluír que non existe ese delito". Dado que "non existiu unha falsificación das condicións requiridas para a concesión da axuda", por tanto, o maxistrado conclúe que "non existiu o delito de fraude de subvencións".