Un incendio intencionado arrasa oito hectáreas de monte en Cuntis
Por Redacción
Oito hectáreas de monte, catro delas arborizadas. É a superficie que quedou arrasada nun incendio forestal, de xeito evidente provocado, que se rexistrou esta madrugada entre os municipios de Cuntis e A Estrada.
Segundo detallou o Concello de Cuntis, o incendio foi detectado na parroquia de Mesego ás 23.13 horas deste domingo.
Chegáronse a detectar ata oito focos diferentes, cinco no termo municipal de Cuntis e outros tres no da Estrada.
Para sufocar o lume, que foi controlado sobre as seis da madrugada, foi necesaria a participación de seis cuadrillas de Medio Rural, 7 motobombas, 1 pa e 4 axentes, xunto con efectivos de Protección Civil de Cuntis e os GES da Estrada e Valga.
O goberno municipal asegura que actos deste tipo supoñen un perigo para as persoas e un atentado contra o medio ambiente, ao quedar "moi clara" a intencionalidade do lume, xa que o monte "non prende por si só e menos en oito focos diferentes".