A Xunta dá pasos para eliminar un treito de concentración de accidentes na estrada PO-551
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou este luns que o martes someterase a información pública a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 ao seu paso polo Concello de Bueu, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.
É unha actuación de mellora da seguridade viaria que, tal e como subliñou, busca promover unha contorna urbana cada vez máis segura ao tempo que se incide na mellora da mobilidade dos veciños.
Ethel Vázquez agarda acometer este mesmo ano as expropiacións necesarias para a súa execución.
Esta intervención incide nunha das estrada máis importantes do Morrazo, cunha intensa actividade comercial e de servizos, pola que circulan preto de 9.000 vehículos ao día de media.
Sinala que para eliminar o treito de concentración de accidentes construiranse dúas glorietas, no acceso á praia de Lapamán e na intersección existente cunha estrada provincial, preto da baixada á praia de Agrelo.
Tamén inclúe actuacións complementarias, como a limitación da velocidade a 50 quilómetros/hora no treito entre as dúas glorietas e o reforzo da sinalización dos pasos de peóns e semáforos intelixentes.
Salientou que adicionalmente, de forma inmediata, actuarase para reforzar a sinalización dos pasos de peóns e avanzou que en poucas semanas se licitará unha nova senda que dará acceso á praia de Lapamán, dando continuidade á proxectada en Marín.