O custo medio dunha primeira comuñón supera os 4.000 euros
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Comercio de Pontevedra cuantifica en máis de 4.000 euros o custo medio dunha primeira comuñón.
Segundo unha enquisa realizada pola federación para este ano 2018 espérase un incremento no gasto realizado polas familias con motivo das primeiras comuñóns superior a outros anos, seguindo unha tendencia xa rexistrada o pasado 2017.
Isto repercute tanto no diñeiro que a familia destina ao evento como nos agasallos que fan os invitados que, de media, está entre os 150 e os 350 euros por agasallo.
A federación de comercio estima que o custo para aquelas persoas que opten por facer un aperitivo ao mediodía é de 40 euros por persoa e de 20 euros no caso do prato infantil.
No caso daqueles que elixan para a celebración un restaurante, a media de gasto sitúase entre os 55 e os 85 euros por persoa e os nenos 30 euros cada un, aproximadamente.
O estudo feito por esta patronal non entra a valorar outro tipo de gastos como o da roupa da familia pero apunta os seguintes detalles
- Traxe Primeira Comuñón neno 198 euros
- Traxe Primeira Comuñón nena 360 euros
- 100 recordatorios 78 euros
- 50 Invitacións 50 euros
- Comida en restaurante con 35 adultos (55 euros/persoa) 1.925,00 euros
- Comida de 40 nenos (24 euros/neno) 960 euros
- Reportaxe fotográfica 90 euros
- Reportaxe vídeo 150 euros
- Festa con 40 nenos (20 euros/neno) 800 euros
- Monitores, que é obrigatorio 105 euros
- TOTAL 4.356 euros