Tres persoas chegan a xuízo por unha pelexa na que morreu o dono dun ciber de Marín
Por Natalia Puga
Tres persoas sentarán no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra este mércores 23 de maio pola súa implicación na pelexa na que en febreiro de 2016 resultou ferido grave o dono dun ciber de Marín, que posteriormente faleceu no hospital. Están acusados dous irmáns, un polo homicidio imprudente e outro por lesións, e tamén o fillo do falecido, no seu caso, por agredir a outros dos participantes na liorta.
O fiscal recolle no seu escrito de acusación que a pelexa se orixinou sobre as 14.30 horas do 9 de febreiro cando os irmáns J.S.J. e E.S.J. estaban con outro irmán e un primo menor de idade no local 'Ciber W' da rúa Concepción Arenal de Marín e iniciouse unha discusión co encargado do establecemento, logo falecido.
Os acusados e os seus familiares pretendían que o encargado realizase determinada tarefa co computador que estaban a utilizar. Como non accedeu ao que os mozos lle pedían, estes comezaron a faltarlle ao respecto, en vista do cal chamou por teléfono ao seu fillo J.M.P.O., tamén acusado, para que acudise, pois levaban xuntos o negocio.
J.M. acudiu aos poucos minutos e, unha vez que o seu pai lle explicou o sucedido, dirixiuse con firmeza ao grupo dos acusados e os seus acompañantes e, para evitar problemas e molestias aos demais usuarios do local, esixiulles que saísen do local. Nese momento, o acusado J.S.J. dixo ao fillo do falecido de forma desafiante: "échame tú!". Os seus irmáns mantiveron a mesma actitude e entre os tres suxeitáronlle e iniciouse un forcejeo entre J.M.P.O. dunha parte, e os tres hemanos doutra. Agredíronse uns a outros a empuxóns e golpes.
Nese momento, o encargado, que se mantivo aparte, achegouse para separarlles. O acusado J.S.J. asestoulle con forza unha puñada na cara que impactou no nariz e provocou que caese ao chan de costas e en picado, golpeándose a parte de atrás da cabeza contra o chan. Quedou inconsciente, cos ollos pechados e respirando con dificultade, polo que algunhas das persoas que alí estaban correron a asistirlle e chamaron a unha ambulancia.
Case de inmediato, os tres irmáns deixaron a rifa e, xunto co seu primo, que estivera en todo momento apartado, abandonaron rapidamente o lugar. Nuns instantes chegou ao establecemento unha ambulancia medicalizada que o trasladou ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Horas despois, constatouse a súa morte encefálica e dous días despois faleceu por traumatismo cranioencefálico severo.
Os acusados J.M.P.O., fillo do falecido; e E.S.J. sufriron lesións e o irmán menor tamén. Este mozo foi condenado polo Xulgado de Menores o 6 de outubro de 2016 por un delito de lesións leves e os seus pais deberán indemnizar ao fillo do morto coa cantidade de 180 euros polas lesións sufridas.
O fiscal considera que o acusado E.S.J. é autor dun delito leve de lesións polo que debe ser condenado a un mes de multa cunha cota diaria de 12 euros; e ao acusado J.M.P.O. atribúelle dous delitos leves de lesións polos que piede que se lle impoña un mes de multa a 12 euros diarios por cada un.
Ao principal acusado, J.S.J., atribúelle dous delitos de lesións leves, un de lesións graves e un de homicidio imprudente. A este último pídelle a pena maior, un mes de multa a 12 euros diarios polos dous delitos de lesións e polos outros dous tres anos e tres meses de prisión.
Ademais, os irmáns E. e J.S.J. indemnizarán ao coacusado J.M.P.O. coa suma de 180 euros polos días de curación das lesións causadas; e o acusado J.M.P.O. indemnizará a E.S.J. e ao seu irmán menor coas cantidades de 300 euros e 150 euros, respectivamente, pola curación das lesións que lles causou.
O acusado J.S.J. deberá indemnizar á esposa do falecido con 115.000 euros; a tres dos seus fillos con 51.000 euros cada un e ao co acusado J.M.P.O., con 22.000 euros.
Relacionadas:
-
Dous anos e catro meses de prisión pola morte do dono dun ciber de Marín
Por Natalia Puga |
-
Tres vídeos de seguridade, claves no xuízo pola pelexa na que morreu o dono dun ciber de Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Entrégase o mozo que buscaban pola morte do dono do ciber de Marín
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Falece o dono do ciber de Marín agredido por tres mozos o martes
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Dous detidos por unha grave agresión en Marín
Por Redacción |