Obras de asfaltado na Variante de Marín a partir deste luns
Por Redacción
A Xunta de Galicia anunciou o inicio das obras de reforzo de firme nos viarios autonómicos do Morrazo.
Entre estas actuacións de asfaltado, que comezarán a acometerse este luns 21 de maio, atópanse estradas de gran importancia na comarca como a variante de Marín (VG.4.4), ademais das estradas PO-315 e PO-551.
O obxectivo, sinala a Consellería de Infraestruturas, é prolongar a vida útil do pavimento destas estradas ao seu paso polos municipios de Bueu, Cangas, Pontevedra, Marín e Moaña.
Estas actuacións comezarán o luns pola variante de Marín, onde se reparará o firme mediante fresado e reposición entre os quilómetros 0 e 4.4, entre Pontevedra e Marín.
Na estrada PO-315, en Bueu e Cangas, realizaranse reparacións do firme ao longo de toda a estrada mediante fresado e reposición ou extensión de microaglomerado, mentres que na PO-551 traballarase na rehabilitación da capa de rodaxe mediante a extensión de microaglomerado en numerosos tramos da estrada, en Marín, Bueu, Cangas e Moaña.
En total a Consellería de Infraestruturas investirá nestas actuacións preto de 600.000 euros.