A comunicación na rede, materia dun novo mestrado do campus de Pontevedra
Por Redacción
O campus de Pontevedra suma un novo mestrado á súa oferta formativa. A partir do próximo curso 2018-2019, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación impartirá o mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
Cun total de 25 prazas, trátase da primeira titulación universitaria oficial en Galicia especializado nun eido, o da comunicación en redes sociais, "no que a demanda de profesionais especializados está en crecemento", como salienta o coordinador desta nova titulación, o profesor Alberto Dafonte.
Nese senso, o informe Top 25 profesiones digitales 2017, realizado polo instituto Inesdi a partir da demanda laboral de 180 empresas, cifra no 19% as ofertas de emprego centradas no eido dos social media, destacando entre os perfís máis solicitados os de social media manager e content manager e os xestores de comunidades virtuais e de contidos para rede.
O desenvolvemento e implantación da estratexia de comunicación dixital dunha empresa ou institución e a creación e xestión de contidos deseñados especificamente para as redes sociais e internet constitúen os dous piares deste mestrado.
O plan de estudos está integrado por 14 materias, ás que se suman as prácticas profesionais e o traballo de fin de máster, e no que o 50% da docencia, explica Dafonte, correrá a cargo de profesionais, de tal xeito que ás achegas do persoal docente e investigador da facultade nos seus ámbitos de especialización se sume "o valor engadido de contar cunha serie de docentes externos cos que están representadas as principais empresas do sector en Galicia".
"É un máster que entendemos que vai ser útil para o noso alumnado actual, pero tamén para titulados que poidan vir doutros ámbitos e especializarse nisto", engade Dafonte.
Nese mesmo senso, o decano da facultade, Xosé Baamonde, incide en que con esta nova titulación "inténtase seguir consolidando á facultade como un referente na xestión da comunicación" e facelo ademais "no ámbito onde hai unha maior demanda de profesionais".
Baamonde pon o acento na "orientación fundamentalmente profesional" dun posgrao que responde "a unha demanda existente en Galicia" de formación especializada neste eido e que á vez "compleméntase perfectamente coas titulacións de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual", dous dos graos que se imparten nesta facultade.
Relacionadas:
-
RADIO.- Lector, oínte, espectador, o 'Xornalismo con futuro' implícate
Por Marisa Ciordia |
-
Forestais "non corre perigo", garante o rector, no novo mapa de titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
O novo mapa de titulacións universitarias inclúe o grao de Deseño e Creación no campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Da Esdemga ao máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra terá un novo grao e tres máster máis
Por Oskar Viéitez |