As Festas dos Praceres traen á Panorama
Por Oskar Viéitez
As Festas dos Praceres traen este domingo, día 20, a orquestra Panorama. Será a primeira vez esta tempada na que esta formación actúe na cidade de Pontevedra, para presentar a súa Deluxe Tour, co que xa pasou polas festas de San Xurxo de Sacos, Curro-Barro ou Cantodarea-Marín.
A Panorama trerá unha montaxe sobre o escenario totalmente nova, con máis pantallas e iluminación que o ano pasado e un deseño que sorprendeu moito ao público asistente ás primeiras datas da tempada. A iso súmanse un vestiario, un repertorio e unha posta en escena nos que destaca a innovación para crear un espectáculo brillante.
A orquestra que dirixe Manuel-Lito Garrido conta este ano cun espectáculo e un repertorio renovados.
"Estamos xa metidos de cheo nunha xira na que queremos que os nosos seguidores e o público en xeral sexan os grandes protagonistas, e que vén cargada de novidades e sorpresas que iremos descubrindo pouco a pouco", explica Lito.
"Este ano queremos que sexa o da consolidación desta nova etapa de Panorama, na que sumaremos novas actuacións e cidades en toda a península", engade o actual director e cantante da Panorama remarcando que este proxecto empresarial está totalmente desligado do outro Lito, o coñecido promotor de orquestras Ángel Martínez, o chamado rei das orquestras condenado por fraude fiscal.