Pontevedra pon a punto as súas praias de cara o verán
Por Redacción
As tres praias do municipio, as fluviais de Lérez e Ponte Sampaio e a de Praceres, comezan a acondicionarse para lucir nas mellores condicións de cara á inminente tempada de verán.
Na próxima semana comezarán os traballos que irán gañando en intensidade co paso dos días e nos que o goberno municipal investirá máis de 77.000 euros.
Como nos anos pasados, as praias fluviais contarán con socorristas para garantir a seguridade e integridade dos bañistas dende o 23 de xuño ata o 9 de setembro.
Este servizo de vixilancia e emerxencias estará en funcionamento de 12.30 a 20.30 horas, de xeito continuado, todos os días no caso da praia fluvial de Lérez e co mesmo horario, nas fins de semana e nos días festivos, no caso do areeiro de Ponte Sampaio.
A folla de ruta dos traballos de acondicionamento comeza co aporte de area ás praias de Praceres (Lourizán) e Ponte Sampaio o que, segundo as previsións baralladas por los servizos municipais, quedará listo antes de xuño e rematará coa limpeza dos areeiros na semana anterior da chegada dos socorristas.
No medio realizaranse tarefas de xardinería, reposición de material e mobiliario deteriorado ou o balizamento da praia, entre outras.
Ata que chegue a tempada de verán na praia de Lérez, a máis urbana de todas, acometerase a reparación da pasarela, o arranxo de sumidoiros, a limpeza de baños e a instalación do servizo de balizamento, ademais da limpeza xeral do areeiro e da contorna.
O Concello xa fixo nela, recentemente, unha importante renovación deste espazo ao retirar a area e a capa xeotéxtil que a protexe dos lodos do río para poñer unha nova capa e renovar toda a area.
Polo que respecta á praia de Ponte Sampaio, os traballos previstos inclúen a achega de area, a limpeza e posta a punta do areeiro e a zona de lecer da Xunqueira, ademais da limpeza dos baños. Na praia de Praceres tamén realizarase unha achega de area e neste caso haberá unha recollida de algas, xa que pola súa situación acumúlanse moitas ao longo de todo o ano.
Relacionadas:
-
As praias fluviais de Pontevedra, "a pleno rendemento" a partir do sábado
Por Alejandro Espiño |
-
Nove praias de Sanxenxo contarán con vixilancia do 15 de xuño ao 15 de setembro
Por Oskar Viéitez |
-
A construción do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio permitirá recuperar unha zona de ribeira
Por Redacción |
-
O Lérez estrea unha renovada praia fluvial
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Barcelos e a praia fluvial buscan novos "inquilinos" para os seus quioscos
Por Alejandro Espiño |