Figueroa loce un renovado campo da festa con aparcadoiro
Por Redacción
As obras de renovación e ampliación do campo da festa da parroquia de Figueroa en Cerdedo-Cotobade xa están rematadas, tras executarse uns traballos orzados en 140.000 euros. O presidente do municipio, Jorge Cubela, visitaba este mércores as instalacións para comprobar os últimos retoques na pavimentación e a instalación de valos e peches.
Para acometer este proxecto foi necesario escavar o terraplén, explanar o recinto e construír un muro de contención de pedra con dous metros de altura e outro de 20 centímetros de ancho e un metro de altura con valos exteriores de cobertura plástica.
A obra tamén incluíu a recollida de augas pluviais cun sistema de entubado. O campo da festa conta tamén cunha porta deslizante de aceiro galvanizado de 8 metros de lonxitude.
Segundo Cubela, este recinto conta agora con dimensións suficientes para acoller todas as actividades sociais da parroquia. Ademais incorporouse unha zona de estacionamento para facilitar o aparcadoiro a todas aquelas persoas que acudan ás festas en vehículo.