Belas Artes celebra o San Ero máis "apocalíptico"
Por Oskar Viéitez
A Facultade de Belas Artes vive este mércores unha longa xornada de actividades e celebración con motivo do día do seu patrón, San Ero, para o que unha asemblea de estudantes do centro promoveu unha serie de iniciativas como un mercadiño, concertos ou un concurso de poesía.
Baixo o lema de "San Ero Apocalíptico", un grupo de preto de 40 alumnos deseñou un programa de actividades "co que quixemos distanciarnos da idea do botellón e promover máis a cultura, buscando tamén que a cidade nos vexa como algo positivo", sinalan os organizadores.
A xornada arrancou cun mercadiño dirixido a exhibir os traballos do alumnado e no que se podían atopar tanto láminas, cómics ou fanzines como camisetas e chapas en homenaxe a Manuel Moldes, falecido o pasado mes de decembro, que tiñan como propósito sufragar os custos da instalación dun retrato do artista e profesor, realizado polo ilustrador Kiko Da Silva, na cafetería do centro.
As actuacións no patio da facultade de Pazifestas, Main Guard, La Nona Hora, Ignacio Rivoeira, Miguel Alberte e Hidden Rapouso, xunto cos DJ Jota e Charlito Kitkat, encheron de música unha celebración que alberga tamén concurso de poesías e de reciclaxe, unha competición de tenis de mesa ou unha "xincana apocalíptica".
Así mesmo, a celebración complétase co desfile polas rúas de Pontevedra, tanto a mediodía como pola tarde, da "imaxe" do patrón, que construíuse desta volta a partires "das ofrendas cibernético-apocalípticas que fomos pedindo ao alumnado", explican desde a organización do evento.
Para iso se seleccionou como cartel anunciador a proposta dun San Ero Apocalíptico que, "nun ano de cambios" achégase "como unha broma á metáfora do ave fénix que rexurde das súas cinsas".