Fomento só ordenará "en casos moi concretos" levantar as barreiras da peaxe da AP-9
Por Redacción
O malestar que xeraron os atascos continuos que se rexistran na autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Vigo, por mor das obras na ponte de Rande, levou ao Ministerio de Fomento a poñer en marcha o que denominaron "dispositivo especial" para a ponte festiva das Letras Galegas.
Ata o vindeiro domingo quedarán habilitados ao tráfico cinco dos seis carrís da ponte, tres en dirección a Pontevedra e dous en dirección a Vigo -o terceiro só se abrirá o domingo pola tarde para facilitar a operación regreso-.
Así se determinou nunha reunión celebrada entre Fomento e representantes de Audasa, a empresa concesionaria da AP-9, á vista das boas previsións meteorolóxicas para os próximos días, o que vaticina un aumento do tráfico na autoestrada.
Os traballos previstos, segundo o ministerio, serán reprogramados para minimizar a afección ao tráfico.
Ata o fin das obras, Fomento asegura que intensificará a inspección da autoestrada na área metropolitana de Vigo, e en caso de situacións excepcionais, adoptará as medidas que resulten oportunas, entre elas a posibilidade de levantar "en casos moi concretos" e tras o pertinente análise da situación, as barreiras da peaxe.
OBRAS EN RANDE
O ministerio explica que a principal actuación en Rande completouse o pasado 30 de decembro e consistía en ampliar a capacidade da ponte. Actualmente, están a rehabilitarse os antigos tirantes, colocando novas xuntas de dilatación e impermeabilizando e repavimentando o taboleiro.
A terceira obra corresponde á rehabilitación do antigo taboleiro metálico debido á súa exposición durante 40 anos a un ambiente mariño.
Para a execución da segunda e terceira fase foi imprescindible a posta en servizo previa da obra principal de ampliación do taboleiro da ponte, o que permitiu realizar os desvíos de tráfico necesarios mantendo en todo momento dous carrís por sentido.
Todos os traballos desenvolvéronse adoptando importantes medidas de seguridade para os traballadores e para o tráfico rodado nas múltiples operacións realizadas, tanto a nivel do taboleiro como a gran altura nas pilas e cabeceros.
Fomento avanza que se traballará "moi intensamente" as 24 horas do día, mesmo en fins de semana, co obxectivo de finalizar a segunda fase da actuación, correspondentes a traballos nos antigos tirantes da ponte que implican afeccións diúrnas ao tráfico, antes do 31 de maio.
Para iso, estableceranse medidas adicionais que minimicen as afeccións os luns e venres, coincidindo coas horas punta do tráfico. Posteriormente ao día 31 de maio, continuarán os traballos da terceira fase, que segundo Fomento apenas afectarán o tráfico.
Relacionadas:
-
A peaxe da AP-9, polas nubes: subirá outro 2% polas obras de Rande
Por Alejandro Espiño |
-
Chega o momento de facer cálculos: sufrir atascos en Rande tras pagar 1.212 euros en peaxes en dous anos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG pide a Fomento que non pague a Audasa as bonificacións da AP-9 ata que non solucione os atascos en Rande
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía abre dilixencias polo "deficiente funcionamento" da AP-9 en Rande
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Lores e Carmela Silva piden "levantar" a peaxe da AP-9 ata que acaben as obras en Rande
Por Alejandro Espiño |
-
Indignación entre os condutores por un novo colapso en Rande con colas quilométricas
Por Alejandro Espiño |
-
A patronal pide liberar o tramo Pontevedra-Curro para compensar a suba da AP-9
Por Alejandro Espiño |