O BNG cualifica de "desproporcionada e irresponsable" a talla de árbores en Punta Vicaño
Por Oskar Viéitez
As explicacións dadas polo goberno municipal de Sanxenxo respecto da talla efectuada no parque municipal do Vicaño son, para o BNG, "unha fuxida cara adiante ante un feito desproporcionado e irresponsable fortemente criticado pola maioría da cidadanía".
Os nacionalistas estiman que apelar a motivos de seguridade ou mencionar de forma explícita un problema fitopatológico sitúa ao alcalde Telmo Martín e ao concelleiro de medioambiente "no foco da incompetencia e a precipitación con resultados irreversibles para este espazo natural público"
Respecto ao informe técnico efectuado pola técnica de Medio Ambiente do propio concello, para o BNG ten unicamente consideración de informe previo, en ningún caso de informe xustificativo definitivo da talla. Segundo destaca o Bloque, "é un informe simple de mera inspección visual", onde se fai referencia a existencia de árbores con "cancros debido ao ataque de fungos que fai que se atopen secos no seu interior".
Segundo consultas efectuadas polo grupo municipal do BNG á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, unha inspección visual podería determinar a consideración de praga, sendo imprescindible unha análise de laboratorio.
Di o BNG que se se tratase dunha praga, tería que ser unha empresa especializada a que retirase a madeira e restos de inmediato cun protocolo e tratamento determinado e nunca coa madeira apilada preto das vivendas durante días como foi neste caso, e con comercialización prohibida sen un tratamento específico de erradicación da praga e tendo que ser na maioría dos casos incinerada.
Ademais debe ser saneado o conxunto da zona para a erradicación da praga e declarando a zona contaminada polo menos por un período de dous anos.
Así o portavoz do BNG, David Otero conclúe que "Telmo Martín pon máis empeño no tratamento do ladrillo que no tratamento ambiental".