Pontenciencia abre a porta aos alumnos de Secundaria
Por Alejandro Espiño
A quinta edición de Pontenciencia, a feira de ciencia escolar que se organiza en Pontevedra, vén cargada de novidades. A máis importante é que, por vez primeira, poderán participar nela alumnos de Secundaria. A asistencia, deste xeito, baterá marcas con máis de 500 participantes, doce centros educativos, 29 investigacións e 15 familias con 18 traballos propios.
Esta maior participación obrigará a ampliar o espazo da feira que, tradicionalmente, acollía a Escola de Enxeñería Forestal. Nela exporanse os traballos dos escolares de Primaria e das familias, mentres que as investigacións dos estudantes de Secundaria será na Facultade de Ciencias Sociais. A feira celebrarase os día 1 e 2 de xuño.
A concelleira de Educación, Carme Fouces, avanzou que a outra novidade é que catro empresas de Pontevedra implícanse na feira e financiarán catro premios (de 300 euros cada un) entre os investigadoras que concorran a eles. Son Hifas da Terra, Setga, Cristalería Pontevedra e Orballo.
Pontenciencia está organizada pola Concellería de Educación, a Universidade de Vigo e a Federación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT), en colaboración, entre outros, dos centros educativos e da FANPA.
O seu obxectivo, recordou Fouces, é que escolares e familias expoñan os traballos científicos desenvolvidos nos últimos meses. A pesar de ser unha feira "modesta", a FECYT concluíu no seu informe anual que é a terceira de maior calidade das que se celebran en todo o Estado.
Os centros educativos participantes son o CEIP San Benito de Lérez, o CEIP Santo André de Xeve, o CEE Príncipe Felipe, o CEIP San Martiño, o CEIP Froebel, o CEIP de Marcón, o CEIP de Vilaverde-Mourente, o CEIP de Ponte Sampaio, o CIFP Carlos Oroza, CPR Sagrado Corazón de Jesús, o CPR San José e o CPR Sagrado Corazón de Jesús de Placeres.
Entre as investigación presentadas figuran, entre outras, unha sobre a luz ultravioleta aplicada a quirófanos, unha sobre farois solares, unha sobre silvicultura na Illa das Esculturas, unha sobre trigonometría accesible, unha sobre a homofobia, unha sobre as mulleres e o deporte, unha sobre mitos populares ou varias sobre APP e plataformas de música.
Xunto cos traballos dos escolares, Pontenciencia acollerá numerosas actividades e obradoiros. Así, haberá una exposición sobre mulleres científicas, os nenos poderán aprender como funciona un telescopio ou viaxar virtualmente polo Parque Nacional das Illas Atlánticas, experimentar coa música electrónica ou achegarse á Prehistoria dun xeito lúdico.
Tamén haberá, entre outros, obradoiros sobre ciencia na cociña, sobre a diversidade da flora e fauna galega, sobre os incendios forestais ou sobre a figura de Alejandro de la Sota, proxeccións de audiovisuais de divulgación científica ou demostracións de como extraer ADN nunha fresa ou como protexer as plantas con outras plantas.