A auga volve brotar de dúas fontes históricas da Insua
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de recuperar dúas fontes históricas da parroquia da Insua que secaron hai tempo e, logo dun proceso de restauración, volven ter auga.
Segundo destaca o Concello, estes surtidores forman parte da memoria colectiva desta parroquia de Ponte Caldelas: unha era a da antiga escola das nenas e outra está situada máis arriba, en pleno centro do pobo.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visitou os traballos en compañía dun grupo de veciños, que destacaron a compoñente sentimental que supón manter vivas as fontes e poñer en valor os elementos etnográficos dos distintos lugares.
As fontes, datadas entre finais do século XIX e principios do XX, abastécense directamente dun manancial situado no monte da Insua. Para a súa posta en funcionamento foi necesario limpar o manancial e reparar a presa, onde quedou encofrada a lousa e formigonada toda a estrutura.
Ademais, colocáronse varios centos de metros de mangueira soterrada para levar a auga e limparon as pedras dos surtidores, que foron pintadas en cor marrón. Tamén se colocaron novas billas e instaláronse grellas de drenaxe.
Os máis veteranos destacaron que a fonte da vella escola das nenas (un pequeno edificio situado a carón da estrada autonómica) era, hai anos, un importante punto de subministro. Coa desaparición das escolas unitarias e a xeneralización do subministro da traída foi quedando no abandono, pero agora recupéranse para o uso e goce da veciñanza e como símbolo do patrimonio da Insua.