O muro de Silgar transfórmase nun parchís
Por Oskar Viéitez
A artista local e alumna de Belas Artes, Belén Daporta, transformou o muro de Silgar nun parchís de seis cores. Unha actuación que o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín, non dubidou en cualificar como "magnífica" resolvendo deste xeito a discusión aberta nas redes sociais.
Para o alcalde "a obra maioritariamente está a gustar, a nós encántanos e cada día á xente gústalle máis".
Telmo Martín situou este cambio á altura doutras decisións que no seu momento xeraron controversia como a que no ano 1999 tomou como alcalde de suprimir un carril de tráfico en Silgar. "Eu son unha persoa que non lle teño medo aos cambios, as críticas deben exitir, pero os cambios son necesarios", dixo.
A actuación foi inaugurada este sábado cun paseo ao longo do muro que durante esta semana pintaron os alumnos da Escola de Arte de Sanxenxo.