A Fiscalía pide seis anos para un pontevedrés acusado de vender haxix a menores
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 15 de maio o xuízo contra S.P.V., un veciño desta capital acusado dun delito contra a saúde pública por, supostamente, vender haxix a menores de idade.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado vendía a droga en dúas vivendas da cidade de Pontevedra coa axuda da que entón era a súa noiva, unha moza menor de idade.
A Fiscalía sinala que nun dos teléfonos incautados ao acusado constan varios grupos de Whatsapp con polo menos nove persoas e varias delas menores de idade "que teñen por obxecto contactar cos mesmos para a venda de haxix".
O feito de ser os seus "clientes" menores de idade agrava o delito, segundo o representante do Ministerio Público que pide para S.P.V. unha condena de seis anos e multa de 3.000 euros con 30 días de privación de liberdade en caso de falta de pagamento e para o suposto de que a pena privativa de liberdade imposta non sexa superior a 5 anos.
Ademais pide o comiso das substancias, diñeiro e demais obxectos intervidos, entre outros, no rexistro dunha das vivendas atopáronse 350 gramos de haxix valorado en 2.300 euros, así como 565 euros procedentes da venda desta substancia.