A Policía ratifica que as vixilancias á rede de 'O Mulo' sosteñen as acusacións por un alixo de 1.245 quilos de coca
Por Natalia Puga
Os axentes da Policía Nacional que investigaron á rede presuntamente liderada por Rafael Bugallo Piñeiro, 'O Mulo', e interceptaron 1.245 quilos de cocaína no buque 'Coral I' en xaneiro de 2015 ratificaron ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra que xulga os feitos todas as probas e indicios que os levaron á súa detención, afianzando as teses que sostén a Fiscalía para pedir que os 17 acusados na causa sexan condenados á un total de 336 anos de prisión.
O xuízo que se celebra na Sección Segunda da Audiencia incluíu este xoves a declaración do policía instrutor do atestado e este venres a un dos axentes que investigou á rede nos primeiros meses de indagacións. Este policía, que deixou o caso en maio de 2014 e retomouno en xaneiro de 2015 tras a detención dos acusados, ratificou o seu convencemento de que a organización desmantelada estaba "preparamdo una operación de tráfico de drogas".
O policía baséase en diferentes cuestións como as "medidas de seguridade" que adoptaban 'O Mulo' e outros dos acusados e toda a actividade que desenvolveron durante meses ao redor dunha nave de Cabana de Bergantiños na que reformaron unha planadora que, segundo o fiscal, tiñan intención de utilizar na operación de tráfico de drogas que pretendía introducir nas costas galegas a droga intervida en alta mar no 'Coral I'.
Este axente, ademais, insistiu en que toda a investigación contra esta rede de presuntos narcotraficantes baséase nunha serie de vixilancias e seguimentos e non na sonorización da furgoneta Renault Scenic na que se desprazaba 'O Mulo' que os avogados defensores dos acusados poñen agora en cuestión. O propio fiscal do caso, Pablo Varela, recoñeceu ao comezo o xuízo que esa sonorización pode cuestionarse á vista da xurisprudencia posterior existente nos tribunais Supremo e Constitucional.
A Sección Segunda da Audiencia está a xulgar á rede presuntamente liderada por 'O Mulo' desde o luns e este venres viviu a quinta sesión do xuízo. Está previsto que se retome o vindeiro martes 15 de maio coas declaracións de máis policías e posteriormente, en sesións cuxas datas aínda non se coñecen, coa práctica das probas periciais.
Na sesión deste venres tamén pasou pola sala a propietaria da citada nave de Cabana, que asegurou que se sorprendeu cando a Policía Nacional chegou a realizar un rexistro na mesma no marco da operación Visillo porque non detectara nada sospeitoso no comportamento das persoas que lla alugaron e das que acudían de forma regular a traballar á mesma durante os tres anos de contrato.
Pasaron tamén ante o tribunal que preside Xosé Xoán Barreiro Prado o responsable da empresa que alugaba algúns dos vehículos nos que se desprazaban os agora acusados e traballadores de empresas ás que contrataron os seus servizos. Cos seus testemuños púxose sobre a mesa todo o armazón que se move ao redor dunha operación de tráfico de drogas sen que moitas das persoas ás que contrata teñan coñecemento dos fins ilícitos perseguidos.
Así, prestou declaración o responsable dunha empresa contratado por Jaime Iván Bolados, suposta man dereita de 'O Mulo' para conectar unha serie de sistemas na embarcación que se estaba reformando en Cabana. Trátase de dispositivos "sonar" que xa estaban instalados nese buque, pero que faltaba conectar definitivamente. O seu testemuño permitiu poñer sobre a mesa que a organización xa tiña no ano 2012 unha embarcación que "estaba 100% operativa para saír" ao mar, aínda que non se concretou se se trataba da mesma que presuntamente pretendían usar para chegar a recoller a droga do 'Coral I'.
Este home recoñeceu ante o tribunal que a actitude de Jaime Iván xa lle fixo sospeitar que se estaba realizando algún tipo de actividade ilícita, pois, por exemplo, cando lle recolleu para ir á nave para realizar estes traballos, pedíronlle que apagase o teléfono móbil. Este home, de feito, evitou dous anos despois, en decembro de 2014, responder as peticións deste acusado para que realizase unha serie de reparacións nunha embarcación, presuntamente si a que ían utilizar para o 'Coral I' e que os acusados sosteñen que non estaba lista para utilizarse.
Relacionadas:
-
O xuízo contra a rede de narcos de 'O Mulo' encara a recta final
Por Natalia Puga |
-
O Mulo empregaba perrucas, bigotes postizos, cristais tinguidos e monos de traballo para despistar á Garda Civil
Por Redacción |
-
A man dereita de 'O Mulo' pide matizar a súa declaración no xuízo polo alixo de 1.245 quilos de cocaína
Por Natalia Puga |
-
A tripulación que levaba 1.245 quilos de coca para a rede de 'O Mulo' parapétase en que ía pescar
Por Natalia Puga |
-
A súa man dereita, sobre 'O Mulo': "Aunque seas delincuente, tienes que ser serio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dez dos 17 acusados da rede do Mulo por un alixo de 1.245 quilos de coca recoñecen os feitos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |