Uxío Benítez anuncia que están a redactar o proxecto de mellora para a estrada Peso-Caroi
Por Oskar Viéitez
O deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, anunciou este xoves que os técnicos provinciais xa están a redactar un proxecto de mellora da seguridade viaria para a estrada provincial EP-0307 Peso-Caroi. O nacionalista así llo confirmou durante unha visita ao concello de A Lama ao alcalde, Jorge Canda, con quen supervisou as obras provinciais de instalación dunha nova drenaxe para o rego da Brexa, que acaban de finalizar.
Benítez indicou que a futura actuación na EP-0307, nun treito de aproximadamente dous quilómetros, "é moi necesaria dado o mal estado da estrada" e avanzou que o proxecto do departamento de Mobilidade será "moi digno" para a veciñanza que ten que transitar polo lugar cara os núcleos de A Lama, Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes.
O rexedor tamén lle trasladou aos responsables da empresa adxudicataria das obras a necesidade de que procedesen a reparar os danos causados polos camións ao circular polas inmediacións da capela da Virxe de Lourdes e tamén en varias zonas do trazado vello da estrada onde o paso frecuente de vehículos pesados provocou a aparición de fochancas.
Tanto o deputado como os responsables da empresa quedaron en emendalos á máxima brevidade posible e de feito, xa se procedeu a corrixir algún das fochancas existentes.
HUMANIZACIÓN DA PONTE DO VERDUGO
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, tamén trasladou ao deputado Uxío Benítez a dispoñibilidade do Concello da Lama de asumir a titularidade da vella Ponte Verdugo, dependente da Deputación de Pontevedra, unha vez que o ente provincial acometa o asfaltado da plataforma peonil, a zona de estacionamento e realice labores de rehabilitación e consolidación do viaduto que, co paso do tempo e a acción das inclemencias metereológicas, presenta importantes deficiencias.