Reclaman máis persoal "estable" na unidade de valoración de discapacidade
Por Redacción
O persoal da unidade de valoración de discapacidade de Pontevedra iniciou mobilizacións para denunciar os problemas que atravesan na súa situación laboral, xerados principalmente por unha falta de persoal que provoca un atraso de tres anos para valorar o grao de discapacidade das persoas que acoden a este servizo.
Os traballadores concentráronse diante das instalacións da Avenida de Vigo, na antiga delegación de Sanidade, e non descartan facelo semanalmente ata que se resolva a súa situación.
Todos eles expresaron o seu malestar polas carencias que ten o servizo e que impiden levar un ritmo "aceptable" de recoñecementos da discapacidade. A solución, engaden, é un incremento de persoal "estable" que traballe de xeito continuado e non con contratos temporais de seis ou nove meses.
Ademais, reclaman que cubran as vacantes por xubilación para "non mermar o equipo aínda máis".
As medidas tomadas por Política Social, aseguran, "non están sendo eficaces" ao estar baseadas na temporalidade do persoal contratado, intentando paliar con "parches" que non resolven os problemas.
O anuncio da Xunta de que enviarán seis equipos mediante un contrato temporal "entendemos que tampouco vai funcionar porque será persoal sen experiencia nestes postos", polo que precisarán formación e supervisión. Cando estean en condicións de exercer de maneira autonómica, denuncian, se lles rematará o contrato.
Relacionadas:
-
Esixen á Xunta que dote á unidade de valoración da discapacidade de dous equipos máis "pero fixas"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta anuncia seis equipos de valoración da discapacidade e o PSOE esixe que non sexan un parche
Por Redacción |
-
O PSOE denuncia que máis de 10 mil pontevedreses esperan pola súa valoración da dependencia
Por Alejandra Iannone & Paula Sanmartín |